miércoles, 12 de marzo de 2008

INMIGRACIÓN E EMIGRACIÓN DE GALICIA

INMIGRACIÓN EN GALICIA

Nos últimos cinco anos, produciuse un elevado incremento do alumnado inmigrante nas escolas de Galicia, ata sobrepasar con creces os sete mil alumnos, alcanzando neste momento o 2,5 % do total da poboación escolar galega en educación non universitaria. En tal contexto, a escola eríxese en institución clave polas expectativas a cerca da súa contribución á mellora dos proxectos de vida que traen consigo as familias destes alumnos. Ben entendido que a escola tamén debe renovar a súa estrutura organizativa e metodolóxica aproveitando o cambio social que reflexa a influencia de inmigrantes a unha comunidade na que cobra forza a demanda de educación para a cidadanía.

EMIGRACIÓN EN GALICIA

Galicia é case sinónimo de emigración, porque de Galicia, por emigrar, emigraron: traballadores, intelectuais, enerxía eléctrica e capitais. O galego emigraba baixo dous signos: un, que o empurraba fóra da súa terra na procura de mellor situación económica e outro que o facía voltar. Así temos que, sendo o país que dá maior porcentaxe de emigración, tamén somos, curiosamente, o que maior índice de retornados temos por número de emigrantes.

No fenómeno migratorio pode establecerse unha correlación: pais e muller ficaban en Galicia, fillos e home na emigración. Esta constante quizais sexa o factor máis importante que favoreceu tan elevado número de retornados, amén do apego que os galegos temos á nosa terra. Emigraron maioritariamente homes, cun elevado índice de xuventude ( a taxa de masculinidade representou o 70% do total da emigración ). A muller galega incorpórase periodicamente á emigración, facéndoo dunha forma activa a partir da década dos 50.

Os emigrantes dirixíanse fundamentalmente a América Latina, sendo Arxentina o país que máis xente recibiu ó longo da historia. Xeralmente concentrábanse nas grandes áreas urbanas: Bos Aires, Montevideo, S.Paulo, Río, Bahía, A Habana,... Adicábanse preferencialmente ó sector servicios, comercio e profesións liberais, recibindo o sector agrario unha porcentaxe moi baixa, salvo no caso de Brasil, onde as explotacións agrarias, forestais (caucho) e minerais ocuparon un considerable número de emigrantes.


A emigración a América, segundo o concepto moderno, iniciouse xa ven entrado o século XIX, a pesar de que ó longo dos séculos XVI, XVII e XVIII xa tiveran saído da Galicia continxentes máis ou menos importantes de xente con destino ás colonias da ultramar, aínda que neste período non recibían a denominación de emigrantes.

Eran cargos da administración, integrantes dos exércitos, colonos, aventureiros, prófugos da xustiza, misioneiros, etc. O goberno español, que viña ignorando sistematicamente o problema da emigración e poñéndolle trabas legais, non ten máis remedio que recoñecela oficialmente en 1853, xa que se ve impotente para solucionar a precaria situación socioeconómica do Estado. Pasará, entón, de impedila a favorecela como vía de solución, dando lugar así ó inicio dunha emigración a regueiros cara as recén independizadas repúblicas latinoamericanas, aínda que será Cuba, que por aquelas datas é colonia española, quen reciba maior número de emigrantes durante o século XIX e primeiros anos do XX. Arxentina e Brasil seguiranlle, por esta orde, na recepción dos mesmos.

Posteriormente será Arxentina quen se coloque á cabeza como país receptor, posto que só cederá entre 1915 e 1920 a favor de Cuba e máis tarde, a partir de 1953, a favor de Venezuela, quen o manterá ata a finalización do proceso migratorio na década de 1970. Arxentina acadará esta supremacía en base a unha política tendente a poboar grandes territorios case desérticos, e para logralo emprendeu unha campaña divulgadora das " cualidades " do país, así como unha forte propaganda nos lugares de orixe dos emigrantes. Outros países americanos que tamén se significaron por ter recibido importantes continxentes de emigrantes son: Uruguai, Porto Rico, México, Estados Unidos e República Dominicana.

Segundo o lugar de Galicia de onde proceden, os emigrantes dirixíanse maioritariamente a un determinado país e dentro deste a determinadas zonas ou cidades, influenciados pola presencia máis ou menos importante de veciños ou achegados anteriormente asentados alí. A modo de exemplo diremos que os veciños do concello de Pontevedra emigraron nun principio a Cuba e posteriormente a Arxentina e a Uruguai. Venezuela tamén tivo unha importante colonia.










Por épocas, o fluxo migratorio pódese sintetizar do seguinte xeito:

De 1810 a 1853 constátase unha forte corrente migratoria moi difícil de cuantificar, xa que o goberno do estado non tiña recoñecido oficialmente este xeito. Así que algúns autores denominan este período como o da emigración clandestina.

Pero a partir de 1836 comezan a asinarse os primeiro tratados de recoñecemento das novas repúblicas, sendo México a primeira en ser recoñecida este ano e posteriormente serano Uruguai, Chile e Arxentina. En consecuencia, iníciase un auxe da emigración. Fe disto dánolo a aparición dos boletíns oficiais das deputacións de anuncios de saída de barcos cara as novas repúblicas. En decembro de 1836 aparece publicada a saída da Coruña do General Laborde con destino a Montevideo, Bos Aires e outros puntos do Mar da Prata. Así sucesivamente irán saíndo barcos, case todos de vela. En 1850, anúnciase a saída desde Carril do bergantín Juan, publicitado como vapor de primeira clase. Os primeiros datos relativamente fiables dáos A. Eiras a partir de 1836, estimando que entre esta data e 1860 saíron 93.040 galegos.

Será a partir de 1853, ó admitir o goberno oficialmente o fenómeno migratorio, cando comeza o que se denominou emigración legal. Nesta etapa podemos fixar un período que vai de 1860 ata 1880 que aporta a cifra de 122.875 emigrantes.

O grande impacto migratorio comezará a partir de 1880 e duará ata 1930. Este espectacular aumento virá favorecido por varios factores, entre os que cabe destacar os seguintes:


A introducción da navegación a vapor, que reduce considerablemente a duración da viaxe e aumenta a seguridade da mesma.

As políticas das repúblicas americanas que favorecen a entrada de emigrantes.

A irrupción de fortes compañías navieiras inglesas, francesas e alemanas no negocio, que promoverán fortes campañas publicitarias como reclamo a fin de que a xente "pique" no engado da emigración.

A comunicación epistolar dos que xa están alá, que dalgún xeito invita a familiares e amigos a decidirse pola viaxe, e ó mesmo tempo a garantía de sentirse seguros de que van ser recibidos por xente amiga ó chegar ó outro lado do "charco".


Con todos estes factores, milleiros de galegos arriscaranse a cruzar o océano cara a un mundo de esperanza. Comeza o que se coñeceu como a emigración masiva, que acadou a cifra de 1.488.509 emigrantes. Para dar unha idea da enorme "enxurrada", tal como a denomina algún autor, podemos citar que no ano 1912 saíron de Galicia 203.542 emigrantes, seguindo de 1913 con 165.010 e 1920 con 163.465. O feito de que ata 1910 non existan estatísticas fiables fai que todas estas cifras poidan ter importantes lagoas, dado que ningún autor foi quen de determinar a contía das persoas que emigraron clandestinamente.


A partir de 1930 comeza unha forte crise migratoria que durará ata 1946/47, orixinada por:

A crise económica de 1929 que deixou a moitos países americanos nunha situación precaria.

A guerra civil española, co seu peche de fronteiras.

A segunda guerra mundial, que facía moi difícil a travesía do Atlántico, entre outras causas porque as principais compañías navieiras pertencían a países participantes no conflicto bélico. Neste período só se contabilizan 62.036 emigrados, moitos deles por razóns políticas.


Co fin da segunda guerra mundial e a apertura de fronteiras, comeza un novo período migratorio que durará ata 1970; período que ten un forte repunte dende o seu inicio ata 1960 e durante o cal emigraron 286.437 persoas. A partir do ano 60 ata principios do 70 comeza un declive que será xa definitivo e marcará o fin deste éxodo americano. Nesta etapa só se contabilizan 97.085 emigrantes.

Se facemos unha aproximación ó total, atopamos que desde 1810 ata 1970 terían saído de Galicia 2.146.982 galegos/gas, cifra que segundo algúns autores facilmente se vería incrementada se se puidera cuantificar o valor real do fenómeno "clandestino".

No hay comentarios: